domingo, 15 de junio de 2008

VERDEGAIO PRESENTOU O SEU PRIMEIRO TRABALLO DISCOGRÁFICO
O dúo de música tradicional “Verdegaio” presentou o pasado sábado 14 de xuño na “Gentalha do Pichel”, no nº 21 da rúa de Santa Clara da cidade de Compostela, o seu primeiro traballo discográfico. Baixo o título “Repenicoque na pedra”, Verdegaio recolle neste disco un pequeño feixe de temas tradicionais de Galicia, muiñeiras, alboradas, polcas, xotas, valses,… interpretados a maioría das veces cunha base de gaita e acordeón. “As pezas foron plantexadas dunha forma sinxela e directa, sen grandes arranxos, agás os provocados polas texturas que lles confiren os diversos instrumentos: gaita, acordeón diatónico, melodeón, harpa, frauta traveseira, guitarra, mandolina, banxo, violín e as diferentes percusións. Unha combinación de tonalidades, ritmos e instrumentacións é o que lle proporciona a este traballo unha personalidade propia”. Con este disco, Verdegaio quere render tributo a todos aqueles compositores que no pasado aportaron a súa creatividade e enriqueceron o patrimonio musical galego. En él pódense escoitar temas de Os Campaneiros, do gaiteiro de Soutelo, do cego Florencio dos Vilares, de Faustino Santalices ou do gaiteiro Herme da Fonsagrada.
Verdegaio está formado por Alexandre Cadarso, acordeón cromático e gaitas, e por Xabier Blanco, acordeón diatónico, melodeón e mandolina. Ambos, ligados a música tradicional dende hai moitos anos, teñen viaxado coa súa música por toda a xeografía galega, ademais de por Irlanda, Francia e Portugal, e asisten ocasionalmente a Lark Camp ( California-EUA) como profesores de repertorio tradicional galego.
Para a gravación de este disco contamos coa colaboración de bos colegas e excelentes músicos: Xavi Agra á frauta traveseira, Patrick Knaughton ao violín, Gon á guitarra, Ramón Dopico coas percusións, Nuria de León coa harpa, ademais das voces de Marita Giadáns, Carmen García, Enrique Montero, Rafa Iglesias e Manel Bello. Asemade, o recoñecido músico californiano Kevin Carr, interpreta en inglés a Filla de Bartolo, do cego Florencio, gravada en directo nun concierto no Carpenter Hall de Ashland (Oregón-EUA), no que compartíu escenario con Verdegaio.
A gravación tivo lugar no estudio de Riveiradart, en Ribeira de Botos, Lalín, o deseño gráfico do nome do grupo é de Paulo Rico e o magnífico deseño do disco pertence a Fausto Isorna.
Na presentación do disco estiveron presentes todos os que participaron na súa gravación, que tocaron varios temas en directo, amenizando unha longa noite de foliada.
Onde está á venda o disco?
En Compostela : Discos Gong. A Grileira, A Mouga, Bar O Calpe e Gentahla do Pichel. O seu prezo é de 15,00 €